top of page

CAMIÑO DE SANTIAGO

No seu máxico e místico traxecto, o Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía atravesa o corazón das terras de Dumbría, o coñecido como territorio Vákner. O noso concello está vinculado a esta ruta xacobea dende a súa orixe, constituíndo un lugar relevante que contaba cun hospital de peregrinos na aldea de Hospital.
Este percorrido está impregnado de antigas tradicións que reflectían os restos dunha cultura ancestral de ritos animalistas e de lendas como a do Vákner, o mostro que devoraba peregrinos e que habitaba en Buxantes, ao pé do petróglifo de Pedra Ancha.
No Santuario Virxe das Neves, tamén coñecido como o lugar Fonte Santa (s.XV) hai unha fonte cuxas augas son beneficiosas para a lactación animal e humana.
Estas terras ocultan en cada recuncho vestixios do pasado, dun impresionante patrimonio histórico e arqueolóxico, salpicado de mámoas, castros, dolmens, restos da romanización e das guerras napoleónicas.
52671073.jpg
O Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía é o único camiño xacobeo cuxo destino non é Santiago, senón que é o seu punto de partida e a súa meta son o Cabo Fisterra e o Santuario da Virxe da Barca. 
Dicía Murguía que en Fisterra levantábase un altar ao sol, o “Ara Solis”, construído polos pobos anteriores á romanización. Este ancestral culto animista foi substituído pola ruta do Camiño de Santiago a través do culto ao Apóstolo. 
O Códice Calixtino recolle qué discípulos de Santiago viaxaron a Dugium, actual Fisterra, buscando autorización para enterrar ao Apóstolo en Compostela. Case dende o descubrimento do sepulcro do Apóstolo, moitos peregrinos prolongaban a súa viaxe ata a Costa da Morte. A tradición xacobea do “Finisterre galego” fundaméntase en dúas das devocións máis populares de Galicia: o Santo Cristo de Fisterra e a Virxe da Barca de Muxía, quen segundo a tradición acudiu a este fermoso lugar nunha barca de pedra para darlle folgos a Santiago na súa predicación. 
O camiño xacobeo de Fisterra-Muxía é o máis fiel reflexo do histórico berro do peregrino “Ultreia!”, que significa “Máis alá!”. Pois efectivamente son moitos os peregrinos que deciden coñecer esta fin do mundo e non dubidan en superar os sacrificios das duras xornadas pasadas para camiñar agora, canto menos, catro ou cinco días máis. 
Foi tal a tracción que transmitiu esta ruta, que hoxe é o itinerario que máis referencias deixou, de todos os Camiños de Santiago, na literatura de viaxes. O relato máis antigo remóntase ao s.XIV.
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéCamiño
#TerritorioVákner
bottom of page