top of page
CEMENTERIO DE CORES.jpg

CEMITERIO DE CORES

O Cemiterio de Cores de Dumbría é de titularidade municipal, obra da arquitecta Rosana Pichel e finalizado en 2013. Un proxecto arriscado polo que apostou o concello e o cal recibiu unha moi boa resposta tanto por parte da poboación local coma dos visitantes.
Trátase dun cemiterio cunha innovadora infraestrutura pola súa estética, utilidade, servizo e integración no ámbito rural. Hai quen di que semella ás obras do pintor holandés Piet Mondrian, definíndoo como de estilo neoplasticista. A súa singularidade radica no seu deseño a base de módulos pechados en si mesmos que crean un espazo interior cuberto, que da servizo ao conxunto de nichos que forman cada módulo (54 columnas de 4 nichos de altura). 
A súa principal característica é que este cemiterio escapa da cor gris dos cemiterios tradicionais e aposta pola cor. Cada nicho ten unha prancha de resina de cores vivas que lle dan ese aspecto característico, e de aí o seu nome: Cemiterio de Cores de Dumbría.
Así mesmo, o interior do cemiterio está cuberto por unhas pérgolas de estrutura metálica que proporcionan protección ante as inclemencias do tempo á vez que durante o día permite un xogo de luces e sombras.
O gran espazo de entrada ao conxunto de módulos materialízase cun xardín que conecta coa natureza e que transmite unha sensación de confort estética, visual, física e psicolóxica.
Un cemiterio diferente que non deixa indiferente!
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio
bottom of page