top of page

PATRIMONIO ETNOGRÁFICO

As distintas construcións do mundo popular no Concello de Dumbría sitúanse, por regra xeral, arredor das rúas, conformando así núcleos de poboación longos seguidos de sinuosos camiños que discorren por estas terras.
Sobre isto versa este apartado, o estudo de cruceiros, muíños, fontes, pombais, hórreos, … todos eles en terras dumbriesas.
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio
Cruceiro Dumbria.jpg

CRUCEIROS E CRUCES

​O cruceiro é un dos elementos máis fortemente enraizado na terra e cultura galegas. Está intimamente vinculado á paisaxe rural galega. Así mesmo, tamén é característico doutras rexións do mundo con fortes raíces católicas, como por exemplo Irlanda, Francia, Alemaña e Gran Bretaña.
As principais funcións dos cruceiros son: a santificadora de camiños, a protectora de sinistros, a condutora de peregrinos, o descanso para camiñantes, a anunciadora da proximidade a santuarios e a conmemorativa de acontecementos históricos, entre outras.
No Concello de Dumbría abundan os cruceiros e as cruces. A continuación preséntanse por parroquias os que se conservan na actualidade:
  • Parroquia de Berdeogas (3): Cruceiro da Grixa, Cruceiro da Pedriña e Cruceiro de Cándido.
  • Parroquia de Buxantes (6): Cruceiro Marco do Couto, Cruceiro da Fonte Santa, Cruceiro da Figueiroa, Cruceiro do Campo de Buxantes, Cruceiro da Porta da Igrexa e Cruceiro do Cemiterio.
  • Parroquia de Dumbría (4): Cruceiro da Grixa, Cruceiro das Herbas, Cruz de Cheo e Cruz de Laureano.
  • Parroquia do Ézaro (3): Cruceiro de Santa Uxía, Cruceiro da Igrexa do Ézaro e Cruz de Pao.
  • Parroquia de Olveira (4): Cruceiro da Grixa, Cruceiro de Vilar, Cruz do Logoso e Cruz Vao de Ripas.
  • Parroquia de Olveiroa (2): Cruz do lugar de Olveiroa e Cruz da Pontella.
  • Parroquia de Salgueiros (5): Cruceiro do lugar de Salgueiros e as catro cruces arredor da igrexa.
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio
Pombal Berdeogas

POMBAIS

O pombal en Galicia non é unha construción tan numerosa como o hórreo debido ao escaso rendemento que se lle sacaba.
A pomba estaba considerada máis como un animal a admirar que como alimento e o seu esterco era escaso. Ademais, un número excesivo de pombas podía ser contraproducente para a sementeira do campo. 
A construción de grandes pombais de pedra con tellado estaba asociado a un símbolo de estatus social e reservábase para as grandes leiras de clases altas e para os pazos galegos. Xa o di o refrán: “Palomar, capilla y ciprés, pazo es”.
No Concello de Dumbría destaca o pombal situado no lugar de Berdeogas, a carón da igrexa parroquial, do castro, do hórreo e da carballeira Devesa da Lúa.
É unha fermosa mostra de pombal, feita con pezas de cachotería encintadas que fano destacar de maneira especial. Conta cun tellado a unha auga, con tella do país para a cuberta. Ten forma de ferradura, o que lle imprime un aspecto distinto; a súa planta é circular e o seu corpo cilíndrico.
Unha única porta serve de acceso ao mesmo e, para a entrada das pombas, situáronse preto da cuberta uns buratiños cadrados. Ademais, un beirado sobresae arredor do perímetro, servindo de lugar de pousadoiro das pombas.
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio
Horreo Berdeogas.jpg

HÓRREOS

Durante moitos anos, os hórreos e os cruceiros foron as dúas construcións emblemáticas de Galicia debido ao seu gran número de exemplares. O hórreo xorde para preservar os cereais dos inimigos: a humidade, os ratos e outros insectos.

Dependendo da climatoloxía, dos materiais predominantes na rexión, do volume da colleita e do “status” económico, os hórreos construíanse dunha maneira determinada. 

Na Costa da Morte, o hórreo común é o coñecido como Fisterra. Trátase dun hórreo feito de pedra, con forma rectangular, estreito, alto, longo, suspendido sobre postes de pedra e cunha porta no costado.

Aínda que soe raro, segundo as referencias históricas, a existencia do hórreo é moi anterior á chegada do millo a Galicia. Namentres, a súa expansión está intimamente vinculada ao cultivo deste cereal.

A meirande parte da propiedade das terras pertencía aso mosteiros e á nobreza. Os labregos que as traballaban tiñan que pagar un imposto, o coñecido como foro.

No Concello de Dumbría existen arredor de 794 hórreos, destacando pola súa lonxitude e singularidade o da Reitoral de Berdeogas (24m), con 15 pés pola cara norte e 16 pola sur, algo senlleiro o feito de ter pés impares. Pola contra, o máis pequeno é o de Santa Lucía, no lugar de Lucín (Olveira), con tres pares de pés e unha lonxitude de tan só 2,5m.

Hórreos do Concello de Dumbría por parroquias: Berdeogas – 143, Buxantes – 172, Dumbría - 148, O Ézaro – 73, Olveira – 143, Olveiroa – 38 e Salgueiros – 77.


HÓRREO BERDEOGAS
 
Son moitos e diversos os hórreos que poden verse en cada aldea de Galicia, pero un hórreo senlleiro como o de Berdeogas é difícil de ver.

Para comezar, non estamos a falar dun hórreo cun tamaño habitual, xa que é bastante grande, nada máis e nada menos que 24 metros de lonxitude. Pero a característica que o fai singular está, sen lugar a dúbidas, nos seus pés.

Tendo en conta que o “normal” é que os hórreos teñan os pés pares; é dicir, igual número de pés por un lado que polo outro, este hórreo non cumpre esta condición. De feito, ten 15 pés pola cara norte e 16 pola sur. 

Todo un misterio o por qué dos pés impares …

#DumbríaéTurismo
#DumbríaéÚnica
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio
Muiño Dumbria.jpg

Fot: Santi Garrido

MUÍÑOS

O muíño hidráulico foi a máquina máis perfecta e cotizada no rural galego pola súa funcionalidade e economía, creando uns costumes e un folclore no seu entorno que serían transmitidos de xeración en xeración.
Aínda que algúns muíños eran de uso privado, a maioría eran veciñais ou comunais. O seu reparto era por “pezas”, días, noites ou un determinado número de horas que respondía a un calendario fixado de antemán e transmitido, na maioría dos casos, verbalmente de pais a fillos.
Ademais da súa funcionalidade para moer, o muíño era un punto de encontro veciñal onde se repasaban as novas, as cancións e os bailes. É aquí onde nace a “muiñeira”.
No catastro do Marqués de la Ensenada aparecen inventariados no ano 1761 un total de 82 muíños no termo municipal do Concello de Dumbría. Pénsase que o máis antigo é o situado no lugar da Carballa (Buxantes), cuxa construción debeu ser a finais do s.XV e comezos do XVI.
Inventario de muíños do Concello de Dumbría por parroquias: Berdeogas – 28, Buxantes – 46, Dumbría – 40, O Ézaro – 30, Olveira – 34, Olveiroa – 9 e Salgueiros - 15.
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio
Fonte Dumbria .jpg

FONTES

Os celtas tiñan a crenza de que a auga era un elemento dotado de poder divino con virtudes máxicas e o poder de curar. Era como un lazo de unión entre o espírito da persoa e a vida terreal.
Tanto os mananciais coma as fontes estaban consideradas algo máxico e sagrado onde no seu interior acollía o espírito sobrenatural que debía coidarse con delicadeza e relixiosidade.
A través de rituais, esta forza sobrenatural manifestábase na cura de enfermidades e do mal de amor, entre outros, dando como resultado o benestar xeral da persoa. Nestes casos prevalece a fe sobre a razón.
Destacan as augas milagreiras da Fonte Santa das Neves, en Buxantes, na que os nosos antepasados usaban a auga desta fonte para que os animais desen suficiente leite para aleitar ás súas crías.
Outra fonte milagreira no Concello de Dumbría é a da Fonte de Santa Lucía de Olveira, onde os romeiros mollan un pano nas súa augas para logo pasalo polos ollos da persoa ofrecida co fin de curar as enfermidades relacionadas cos ollos. Di a lenda que o mal queda traspasado ao pano e que cando este vai secando, os ollos do ofrecido van curando.
Ademais das fontes milagreiras, nas terras dumbriesas abundan as fontes nas que un pode saciar a súa sede.
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio
bottom of page