top of page

PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO

Unha boa parte da historia do Concello de Dumbría pódese reconstruír a través dos seus restos arqueolóxicos.
Se nos remontamos aos primeiros habitantes, estes eran de orixe “celta”, que se asentaron en lugares protexidos, principalmente nas beiras dos ríos ou nos cumios das montañas.
Algúns estudosos afirman que o topónimo “DUMBRÍA” procede da combinación de  palabras de orixe prerromana “DUM-BRIGA”, que significa “poboado en altura”. De acordo co estudo do topónimo do concello, poderíase afirmar que Dumbría é un lugar de poboados en altura; un lugar de castros.
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéCultura
#DumbríaéArqueoloxía
Dolmen Pedra da Arca Regoelle.jpg
Ancla Dolmen

DOLMEN PEDRA DA ARCA

DE REGOELLE

As terras de Dumbría teñen un rico pasado cuxas pegadas poden verse no Dolmen Pedra da Arca. Antigamente eran tres os dolmens que existían no Concello de Dumbría. Namentres dous deles foron destruídos; este último, o de Pedra da Arca é o que permaneceu no tempo e que na actualidade está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).
Este dolmen atópase a uns 318m de altura. É preciso lembrar que os habitantes da nosa rexión adoitaban elixir este tipo de emprazamentos chans e lixeiramente elevados para os seus enterramentos. 
O Dolmen Pedra da Arca, tamén coñecido como Dolmen de Regoelle, permanece nun moi bo estado de conservación e preserva boa parte das lousas orixinais. A cámara principal é poligonal e mantén cinco grandes lousas de pedra que sosteñen unha gran lousa ovalada. Unha das lousas verticais conserva unha pequena decoración en forma de gravados. Este monumento megalítico incluso conta cun corredor de acceso que se divide en dous tramos cubertos por lousas. 
Unha visita obrigada para as e os curiosos!
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio
Petroglifo Dumbria.jpg

PETRÓGLIFO PEDRA ANCHA

O petróglifo de Pedra Ancha presenta motivos de armas (alabardas e puñais) e moi posiblemente imaxes de carros de labranza ou para a guerra. Algúns arqueólogos ollan escudos ou máscaras, sendo esta unha das estacións representativas das rochas-panoplia da nosa comunidade autónoma. 
O conxunto de Pedra Ancha está na beira do Camiño Real que vai dende Santiago ata Fisterra, a uns 350m da fábrica de ferroaleacións en Dumbría. 
Son gravados sobre unha rocha de grandes dimensións con representacións de dous puñais ou espadas curtas, tres alabardas e tres “escutiformes” así como varias cruces de épocas posteriores. O seu principal interese radica na súa localización; posto que é a máis occidental de Galicia ata o momento coñecida. Estes gravados rupestres foron estudados polos arqueólogos Fernando Javier Costas Goberna e os seus colaboradores Pablo Novoa Álvarez e José María Albo Morán, publicando os seus resultados en setembro de 1992.
Como todos os gravados rupestres, para poder apreciar ben os petróglifos a luz solar inflúe moito. Dependendo da hora do día aprécianse en maior ou menor medida. 
Escolle a hora ideal para gozar deste espectáculo patrimonial!
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéCultura
#DumbríaéPatrimonio
#DumbríaéCamiño
Castro Logoso

CATROS

Do século VI a.C. ao V d.C. aparece unha cultura coñecida como “castrexa”, froito da fusión das civilizacións autóctonas con outras procedentes do continente europeo. Comeza o cultivo de plantas, principalmente dos cereais, e a domesticación de animais salvaxes.
Os asentamentos urbanos formábaos grupos de familias xerarquizados situados en lugares protexidos e fortificados como os cumios das montañas ou as beiras dos ríos. É así como xorden os castros.
A poboación castrexa de Dumbría semella ser froito da emigración de tribos procedentes das montañas do Cáucaso que, arredor dos séculos VI-V a.C., penetraron na Península Ibérica e remataron o seu periplo no “finisterre”.
O historiador Benito Vicetto, na súa Historia de Galicia (1865) pon en Dumbría o lendario combate que mantiveron os xefes militares da zona: os Céltigos e os Noerios. Sobre esta liorta Eduardo Pondal fixo un poema: “O Combate de Dumbría” (1917).
No termo municipal do Concello de Dumbría abundan os castros, aínda que non se aprecian como tal porque aínda están sen escavar e sen rehabilitar.
Destaca principalmente o Castro de Berdeogas, situado a uns 200m da igrexa parroquial Santiago de Berdeogas. Outros castros destacables son: o Castro do Logoso (a 400 do lugar do Logoso), o Castro do Fragoso (a 1,2km da factoría de Dumbría), o Castro de Regoelle (a 200m de Regoelle), o Castro de Olveiroa (a 600m da igrexa parroquial Santiago de Olveiroa; os veciños coñéceno mo O Castelo), o Castro das Teixoeiras (a 1,4km do lugar das Teixoeiras), o Castro de Dumbría (a 50m de Dumbría) e o Castro de Buxantes (en Buxantes).
Existen numerosos topónimos dentro do Concello de Dumbría que fan referencia a poboados castrexos, aínda que non se contemplan vestixios reais no terreo pola falla de estudos arqueolóxicos; como por exemplo: o Castelo, a Croa, a Eira dos Mouros, o Castrillón, o Casteliño, a Casa dos Mouros, o Castro,…
Ai se as pedras falasen …! Canto nos terían que contar …
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio
bottom of page