PATRIMONIO INDUSTRIAL

O Patrimonio Industrial é, segundo o International Committee for the Conservation of the Industrial Heritage, o conxunto de restos de cultura industrial que posúen un valor histórico, tecnolóxico, social, arquitectónico ou científico.
No Concello de Dumbría destacan a presenza das centrais hidroeléctricas situadas ao longo do río Xallas-Ézaro; o río que atravesa o Concello de Dumbría ata acadar a desembocadura no atlántico, nese punto de especial fermosura: a Fervenza do Ézaro.
Tamén poderás descubrir outros recursos industriais en terras dumbriesas …
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio
 

HIDROELECTRICIDADE
A enerxía hidráulica foi empregada dende a antigüidade para moer a fariña e para realizar outras tarefas. No Concello de Dumbría a hidroelectricidade ten unha marcada presenza.
Son catro os encoros existentes no río Xallas-Ézaro, cuxa principal función é a de controlar o caudal do río para o funcionamento das centrais hidroeléctricas e como abastecemento de auga para outros concellos da zona.
O encoro que se atopa no primeiro tramo do río é o Encoro da Fervenza, un dos máis importantes da provincia da Coruña. Abrangue terreos dos concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. Foi construído en 1967.
O segundo encoro dende o inicio do río é o Encoro da Ponte Olveira, que está situado a uns 600 metros ao sur do lugar de Olveiroa e foi construído en 1966.
O terceiro encoro no curso do río é o Encoro de Castrelo, que se atopa a uns 600 metros ao sur do lugar de Brazal, en Buxantes. As augas deste embalse son conducidas mediante un canal de 6,8km e 11 túneles ata a central do Pindo (no Ézaro). As obras deste encoro foron finalizadas en 1954 e a súa construción foi moi tráxica para a zona, falecendo moitos obreiros, tanto homes coma mulleres, debido á enfermidade da silicose. Unha traxedia que marcou á xente da comarca.
O máis recente e o máis próximo á desembocadura do río é o Encoro de Santa Uxía, que se localiza no lugar de Santa Uxía e que foi rematado en 1989. Esta presa serve como estrada de comunicación entre os concellos de Dumbría e Mazaricos.
Ao longo do curso do río Xallas-Ézaro existen varias centrais hidroeléctricas, pero cabe destacar dúas delas pola súa arquitectura e antigüidade.
A Central Hidroeléctrica do Pindo está situada a carón da Fervenza do Ézaro. Foi construída en 1903 e no seu día albergou o Centro de Interpretación da Electricidade que a día de hoxe está pechado.
A Central Hidroeléctrica de Castrelo tamén está emprazada a carón da Fervenza do Ézaro e foi construída durante a primeira metade do s.XX. Leva o mesmo nome que un dos encoros, porque abastecíase da auga dese encoro a través do canal.
  • Blanca Facebook Icono
  • Twitter Icono blanco
  • Blanco Icono de Instagram
  • Blanco Icono de YouTube
  • Blanco Icono Pinterest

Volver arriba

Estrada de Dumbría s/n,

15151 Dumbría

A Coruña

LogoDumbria2.png
Logo Vakner.png
DumbriaXTI3.png