PATRIMONIO RELIXIOSO

O Concello de Dumbría é un municipio extenso que se distribúe en sete parroquias: Santiago de Berdeogas, San Pedro de Buxantes, Santa Baia de Dumbría, Santa Uxía do Ézaro, San Martiño de Olveira, Santiago de Olveiroa e San Mamede de Salgueiros.
A pesares de seren sete as parroquias do concello, son dez os santuarios relixiosos repartidos polo seu territorio.
Toda unha “experiencia relixiosa” como diría Enrique Iglesias…
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio

IGREXAS, ERMIDAS E CAPELAS

O Concello de Dumbría é un municipio extenso que se distribúe en sete parroquias: Santiago de Berdeogas, San Pedro de Buxantes, Santa Baia de Dumbría, Santa Uxía do Ézaro, San Martiño de Olveira, Santiago de Olveiroa e San Mamede de Salgueiros.
A pesares de seren sete as parroquias do concello, son dez os santuarios relixiosos repartidos polo seu territorio.
Imaxina unha terra na que auga das fontes é milagreira, na que as súas orixes teñen algo máxico,… Un lugar cheo de santuarios máxicos por descubrir …. Esa é Dumbría!
Santuarios relixiosos do Concello de Dumbría, por parroquias:
  • Santiago de Berdeogas:
A Igrexa Santiago de Berdeogas está situada no lugar da Grixa, en Berdeogas, e é de estilo Barroco (s. XVI-XVIII). Pouco se sabe da primitiva igrexa, que se supón que data do s.XIII. A mediados do s.XVI comézase a ter novas escritas das obras. Unha traxedia que marcou a esta igrexa sucedeu o 13 de decembro de 1853, día de Santa Lucía, cando un forte temporal derruba a espadana, que se construíra 28 anos antes, morrendo cinco persoas. Cinco anos despois deste suceso, fíxose unha gran reforma deixándoa como está na actualidade. “Día de Santiago á mañá, nabiños a sementar”
  • San Pedro de Buxantes:
A Igrexa San Pedro de Buxantes está emprazada no lugar da Grixa, en Buxantes, e é de estilo Barroco (s. XVII-XVIII).
Polos vestixios atopados sábese que a actual igrexa está asentada sobre outra antiga. Esta primitiva igrexa debeu ser construída a finais do século X, cando comezaron as divisións territoriais coñecidas como parroquias e agrupadas en arciprestados. Todo isto pode testemuñarse polo sarcófago atopado dentro da actual igrexa.
Unha das principais características desta igrexa é a torre do campanario, que imita a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, cunha altura de 21,8m e 35 escalinatas. “Entre San Xoán e San Pedro, recolle o centeo”. A Ermida Virxe das Neves de Buxantes localízase no lugar de Figueiroa, Buxantes, e pertence ao estilo Románico–Neoclásico. Está datada no século XV, aínda que sufriu unha reconstrución en 1780.
A escasos metros da ermida, existía un antigo casarío de labranza coñecido como Lugar da Fonte Santa, un lugar que albergaba aos peregrinos procedentes de Santiago a Fisterra e aos de Noia a Muxía. A pesares de que non se atoparan documentos aclaratorios sobre a orixe desta ermida. Suponse que a primeira capela, de reducidas dimensións, aparece a finais do s.XIV ou comezos do s.XV por ser o período de máximo esplendor relixioso nesta comarca.
Cabe mencionar que en 1809, as tropas napoleónicas refuxiáronse a acamparon neste lugar e, unha vez retirados, queimárona.
Chama especial atención o pequeno rosetón situado sobre a porta principal de entrada, moi empregados na arquitectura románica e gótica, polo que cabe pensar que se trata dunha peza da primitiva capela. Unha condición matemática cúmprese nesta capela, a de iluminar o altar grazas aos últimos raios do sol que entran a través do rosetón. Esta condición ten lugar ás 21:45h do 21 de xuño (solsticio de verán), iluminando ao Sagrario como a luz dun faro.
  • Santa Baia de Dumbría:
A Igrexa Santa Baia de Dumbría está situada no lugar da Grixa, en Dumbría, e é de estilo Barroco (s. XVII-XVIII). A primitiva igrexa parroquial estaba situada no lugar Agra dos Adriños, próxima ao río do Fragoso, polo camiño de Canelas. Xa nun documento do ano 860 cítase que na terra de Nemancos está a igrexa de Santa Eulalia de Donobria. Como a primitiva igrexa estábase deteriorando e estaba afastada dos núcleos rurais, decidiron trasladala ao emprazamento actual en 1699. “Sementeira na semana de San Román, nin palla nin gran;
sementeira na de Santa Baia, gran e máis palla”
  • Santa Uxía do Ézaro:
A Igrexa Santa Uxía do Ézaro está localizada no lugar de Santa Uxía, a carón do encoro con mesmo nome e é de estilo Barroco (s.XVIII). Antigamente os veciños do Ézaro tiñan que desprazarse para os actos relixiosos nesta igrexa por un tortuoso sendeiro de fortes pendentes e máis de 3km de distancia, polo chamado “camiño da misa”. O traslado mortuorio ao cemiterio parroquial, situado a carón da igrexa, era sacrificado e penoso; principalmente nos días de chuvia. Na metade do camiño tiñan que facer un descanso no punto rochoso coñecido como “A Pedra da Folga”, nome que xa fala por si só. Para evitar este custoso desprazamento, no ano 1926 construíron o cemiterio veciñal do Ézaro.
 
A Igrexa Parroquial do Ézaro está emprazada no lugar do Ézaro. Esta igrexa rompe con todos os estilos presentes na meirande parte do concello, posto que é unha igrexa recente e o seu estilo Moderno (s.XX).
 
Antes da construción desta igrexa, no Ézaro existía unha pequena ermida, a de San Sadurniño, que foi vendida polo párroco para construír a igrexa actual. O edificio da ermida segue a existir, pero non mantén a funcionalidade para a que foi creada.
  • San Martiño de Olveira:
A Igrexa San Martiño de Olveira está situada no lugar de Olveira e é de estilo Románico–Barroco (s.XII e con reformas dos s. XVII-XVIII). Carécense de documentos históricos desta igrexa, pero posiblemente sexa do s.XII xa que o seu estilo inicial é o románico.
A advocación relixiosa desta parroquia é a de San Martiño. Etimoloxicamente, Martiño ven do romano “Martinus”, derivado de “Mars”, “Martis” (Deus da Guerra), polo que significa “dedicado ao deus Marte”. “Por San Martiño faise o magosto, con castañas asadas e mosto”.
A Ermida Santa Lucía de Olveira está localizada no lugar de Lucín, en Olveira. Esta capela é de estilo Barroco–Ecléctico (s.XVIII-XX). Lucía é un nome latino derivado de “luz”, “lucis” e esta ermida está dedicada a Santa Lucía, moi avogosa para as enfermidades da vista. A súa orixe é moi antiga e alí debía vivir algún ermitán ou monxe que atendía o culto. Incluso o topónimo do lugar de Lucín deriva da advocación a esta ermida. Ao seu carón está a fonte milagreira na que os devotos deben lavar os ollos e secalos cun pano que deixarán colgado nos seus arredores.
“Por Santa Lucía saca da noite e mete no día”
  • Santiago de Olveiroa:
A Igrexa Santiago de Olveiroa está emprazada no lugar de Olveiroa. Esta igrexa é de estilo Románico–Barroco–Neoclásico (s.XII con engadidos dos s.XVIII-XIX).
Cando os franceses pasaron por estas terras destruíron todos os documentos. Hai quen afirma que a igrexa actual ten a súa orixe sobre outra moi antiga, coincidindo cos inicios do Camiño Xacobeo, no s.IX, como capela ou santuario. Outros identifican aquí a orixe dun templo romano paleocristián. 
“No camiño de Santiago, tanto anda o coxo coma o san”
  • San Mamede de Salgueiros:
A Igrexa San Mamede de Salgueiros está situada no lugar de Salgueiros. Esta igrexa é de estilo Barroco (s.XVIII).
Na fachada posterior da igrexa poden verse unhas inscricións gravadas na pedra, pouco conexas entre si: “SIENDO RET /  OR DEST VE “NEFICIO”... OSAVES::: / RIASPRELDS / CANSOPERT / VDSVALMA”, isto fai pensar que esta cachotería procede doutro primitivo edificio.
“Que Deus te aumente con San Vicente, que Deus te levede con San Mamede”
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio

CEMENTERIOS PARROQUIAIS

Un cemiterio, un camposanto ou un panteón son lugares onde se depositan os restos mortais dunha persoa. Dependendo da cultura do lugar, os falecidos introduciranse en ataúdes, féretros, sarcófagos ou simplemente envolveranse en teas; para logo seren enterrados baixo terra ou depositados en nichos, mausoleos, criptas ou outro tipo de sepulturas. Ademais disto, tamén son usados para enterrar as cinzas de persoas incineradas.
A palabra cemiterio ven do termo grego koimetérion que significa dormitorio porque, de acordo coa crenza cristiá, no cemiterio durmían os corpos ata o día da resurrección. Como curiosidade, contar que aos cemiterios católicos tamén se lles chama camposantos.
No Concello de Dumbría hai oito cemiterios parroquiais. Tamén é algo curioso, iso de que en cada parroquia haxa un cemiterio parroquial por igrexa, agás na parroquia de Santa Uxía do Ézaro onde que hai dous; un está a carón da igrexa parroquial do lugar de Santa Uxía e o outro no lugar do Ézaro, no límite co concello de Cee! Curiosa esta parroquia!!
#DumbríaéTurismo
#DumbríaéPatrimonio
  • Blanca Facebook Icono
  • Twitter Icono blanco
  • Blanco Icono de Instagram
  • Blanco Icono de YouTube
  • Blanco Icono Pinterest

Volver arriba

Estrada de Dumbría s/n,

15151 Dumbría

A Coruña

LogoDumbria2.png
Logo Vakner.png
DumbriaXTI3.png